6.23.2009

Lady BN-Gaga



Faltan referentes. Esa é a idea a que puiden ó longo destes días meses.
Falando cun bo amigo meu, saíume unha sentenza rotunda e reveladora. O BNG é un partido nacionalistas, si, mais o nacionalismo non só é o BNG. Nin sequera todo o nacionalismo esta politizado.
Coido, como xa teño dito aí atrás, que o BNG está nunha encrucillada: ou seguir inamovible nas súas formas, de conglomerado de partidos da década dos oitenta, ou aproveitar está bagaxe histórica e reformularse a si mesmo e avanzar cara un nacionalismo galego de século XXI. O BNG ten que ilusionar novamente, e non hai mellor forma de facelo que cunha comunicación máis aberta co cidadán, facendo partícipe a tódolos cidadáns no establecemento de obxectivos a acadar. Só así a xente poderá identificar os seus obxectivos cos obxectivos do partido, e só así cesará esta sangría de votos.
Por outro lado, tamén me parece interesante poñer riba da mesa a necesidade de acercar as actividades ó pobo, é dicir, ó modo do Partido Social Demócrata alemán, que creaba garderías para os seus afiliados, sindicatos… unha serie de servizos sociais gracias ós que medrou… Coas limitacións e salvedades que o noso caso impón, poderíanse realizar actividades, cursos, conferencias… que realmente axuden no día a día dos cidadáns e no que quede claro que o BNG se move, se preocupa e non só fai política parlamentar.
Para rematar, o outro día lin por aí a creación dunha Marcha pola lingua. Unha gran idea. Xa levo tempo a pensar en que pasaría se se organizase un “Festival pola dignidade do galego”, no que actuarían grupos de diversa índole, como os que eran apoiados dende o programa de Xurxo Souto na Radio Galega, onde se lera un manifesto pola dignidade do pobo galego, onde se reclamase o fin da política hostil da Xunta do Partido Popular. Que terían que dicir estes burócratas perante cen mil persoas reunidas nun acontecemento cultural propio, á marxe do aparato do goberno, reclamando dignidade para unha cultura, unha lingua, un pobo?
Aquí volo deixo…

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet