4.27.2010

Non a calquera prezo

Na entrada precedente a esta, espliquei algúns dos motivos polos que cada vez me sinto menos identificado coa idea de ser español. Pois ben, o noso compañeiro @Costadamorte deixou unha moi boa reflexión (a cal lle agradezo moitísimo e o animo a que siga comentando) sobre o que podería acontecer no caso de que Catalunya declarase unilateralmente a súa independencia e como reflectiría en Galiza.
Pois ben, a min, gustaríame afondar nesa reflexión.

O primeiro que teño que facer e posicionarme, pois na miña intrincada mente non sei que espazo ocupa o independentismo. Non é unha idea que me repela, ó contrario, gustaríame un día levantarme e ollar pola fiestra a miña terra liberada, pero tampouco é algo que me quite o sono. Quero dicir que o meu sentido practicista (para algúns excesivo) faime creer máis nun sistema federal ou confederal (xa sei que non é o mesmo), o que sexa con tal de que sexa distinto o de agora.

De tódolos xeitos, unha opción non é incompatible coa outra, senón que poden ser dous pasos do mesmo traxecto.

En segundo lugar, teño que citar un libro, que vos recomendo encarecidamente, 'Luces de Fisterra', de Carlos Mella, onde retrata en clave de humor a primeira era Fraga e onde se da a licenza de imaxinar unha Galiza idependente. O facto é o que segue: Catalunya e Euskadi consiguen a súa independencia e é entón cando o Estado Español decide darlla tamén a Galiza (por se acaso deciden reclamala). O que sucede despois e un delirante proceso de construcción estatal digno do humor máis absurdo e brillante. O dito, moi recomendable.

Asumindo que algún día sexamos un estado independente do Estado Español, debemos aceptar sen máis e tirar cada quen polo seu lado?

Eu creo, na miña opinión persoal que so comparto comigo mesmo, que non. A élite política (para a nosa desgraza, esa mole inamobible) deberá guiar con moito tino un proceso no que paulatinamente se pacten os pasos a seguir nun proceso de independencia tanto polo futuro Estado Galego coma polo Estado Español.

Non podemos aceptar a independencia sen máis, non somos un lastre do que desfacerse cando comeza a molestar. Non.

Compre que o Estado Español reverta os beneficios que tira (e sobre todo tirou) do noso territorio en forma de mellora dos servizos, das infraestructuras e das institucións, o cal fará asumible a independencia e o sostemento do estado. O que viría sendo un proceso descolonizador en sentido estricto, e non un proceso abandonador, como o que se fixo na década dos 60-70.

Xurden novas dúbidas, como se estaría o Estado Español disposto a colaborar cun futuro Estado Galego? Aquí entran en xogo moitas variables, como o papel da Unión Europea, de Portugal, da CPLP e das Nacións Unidas.

O que é certo é que podemos, e posible e mesmo desexable, pero non a calquera prezo.

Remato agradecendo novamente o noso espectador @Costadamorte, que me permite enlazar o post anterior co que ha de seguir.

4.22.2010

Porque rexeito esta España?

Dun tempo a esta parte, veño cavilando moito sobre a miña identificación como español, o que iso significa e o que supón, e como conclusións só tirei dúas:
- Son español porque así o pon o meu cartón de identificación.
- Son español por avatares históricos.
Máis aló de todo isto son meras quimeras, elucubracións e fantasías romántico-nacionais.
Porque non me identifico coa idea de ser español? Que é o que me fai percibir ós españois como algo diferente a min?
Na miña reflexión, e non perdendo de vista os feitos recentes que se están a dar e dos que algúns xa teño falados, cheguei a unha serie de conclusións polas que podo dicir que se debe odiar a España.
1º. Pola mentira de que España foi un país exemplar no seu paso dunha ditadura a unha democracia. Se ben e certo que a intención, o punto de partida foi moi bo, posto que non se puxeron coutos a priori, co paso do tempo, sobre todo na década dos 80, empezouse a oir 'de esto no se habla', 'esto no se puede plantear', 'esto es inconstitucional'... Acabouse por converter á Constitución nun fín en si mesmo, nun couto e non nunha plataforma de entendemento. Sres. o mundo mudou e trocou tremendamente dende aquel decembro do 78. E agora estase vendo.
2º. A utilización dun organismo espúreo (espúreo no tocante a elección dos seus compoñentes), que quedou nas mans dos herdeiros de quen gobernou durante 40 anos, para construir a area política. O Tribunal Constitucional no garante o cumprimento da Constitucion, non pode. A Constitución recolle o proceso de elección do Goberno, cuns prazos determinados e unha alternativa no caso de que superados eses prazos non se teña formado Goberno. No caso do Tribunal Constitucional, tamén recolle eses prazos de formación deste órgano colectivo. Pero non hai alternativa no caso de non poder conformalo cando expira o mandato, simplemente se prorroga, aprobeitando o vacío constitucional. Como unha persoa, a cal o mandato se lle terminou no 2007 poida influir decisivamente na vida dos cidadáns e o Goberno diga que non pasa nada? Que pasaría se no 2012 o Presidente do Goberno non convocase eleccións? Estase utilizando un poder do Estado que debería ser independente por parte dunha facción política para limitar a acción de goberno. E iso estase vendo.
3º. O Presidente da Patronal Española levou a 2 empresas súas a quebra, e unha vai de camiño. E sigue mandando, e non demite nen ten visos de demitir. Isto é normal? Como pode ser que o representante último dos empresarios deste Estado sexa un mal empresario? Nun país civilizado xa tería dimitido fai moito tempo. Penso que o representante dos empresarios debe ser o mellor empresario, débeselle esixir moito, moitísimo. Nin o sector empresarial, nin os cidadáns merecen menos; porque con este personaxe no frente, penso que se este home é dos mellores empresarios, non quero nin pensar como serán os peores. E obviamente hai moitos e máis capacitados para dirixir a acción deste colectivo. E iso estase vendo.
4º. Unha lei de partidos, que se aplica dende un tribunal franquista (a Audiencia Nacional antes era o Tribunal de Orden Público, reciclado por Real Decreto no ano 1977), ilegaliza partidos de entorno independentista por non condenar 'explícitamente' a violencia. Ben, eu aínda agardo a que Falange de las JONS ou Democracia Nacional condenen explícitamente a morte de Carlos Palomino a máns dun ultradereitista ou se ilegalicen polos pasquíns que circulan por ahí, onde se defende o asasino e se promove a violencia. Mentres isto non pase, non haberá xustiza igual para todos, e a lei de partidos será un instrumento de represión na man duns lobos esfameados. E iso estase vendo.
5º. Colonización dos territorios coa excusa de 'todos temos que ser iguais'. Falso, falso, falso. Teño que ser eu igual que un almeriense, teño as mesmas necesidades? Non. Xa está ben de pensar en clave centro-periferia. Hai máis mundo máis aló de Madrid. Xa está ben de que os nosos fillos teñan que vir estudar a Madrid porque en Galicia non se oferta ese estudio. Xa está ben de ter que vir a Madrid para poder saír de España. Xa está ben de que o Parlamento Español decida sobre asuntos que só concernen a Galicia, que se viole o reparto competencial da Constitución (carallo! disto non falan).
Unha reflexión: Aqui, na Complutense non deixo de ver mancheas de andaluces, extremeños, manchegos, casteláns e galegos... aínda non me atopei cun catalán...
6º. Sentencia do Estatuto de Catalunya.
7º. Caso Egunkaria.
8º. Xuizo a Garzón.
9º. [...]
Seguro que atopo máis...

4.17.2010

O Tribunal Inconstitucional: Segunda Parte



Que vivimos nun país (ollo, digo país como sinónimo de estado, non como sinónimo de nación) peculiar a ninguén se lle escapa do sentido. Mais, coido que esta peculiaridade non trae iso de que 'a diferencia enriquece', neste caso, no que nos ocupa, máis ben empobrece, entorpece e acurta.
Centrándonos no Poder Xudicial de España, atopámonos con 'anomalías' que fan que a xente teña a consideración que ten da xustiza, unha das institucións con maior desprestixio de todas, xunto cos partidos políticos.
Profundizando un pouquiño, un dase conta de que todo foi unha chapuza feita e dixerida durante a Transición (ese perido onde todo foi maravilloso, a xente saudábase pola rúa e chovía leite e mel), onde pasaron cousas moi raras...

Audiencia Nacional:
En 1977, mediante Real Decreto sustituíuse o Tribunal de Orden Público da época tardofranquista pola Audiencia Nacional. VAITES!!! Resulta que unha norma pre-constitucional recicla un tribunal pre-constitucional encargado de xulgar delitos políticos (como militar nun partido político alleo ó Movimiento) e o converte nun tribunal que se encarga de xulgar delitos de 'terrorismo' ou en avaliar que partidos son legais e cales non... e a Constitución, mediante a interpretación do Tribunal Constitucional non fai máis que asentar a súa legalidade argumentando na súa sentenza que como xa estaba creado e regulado por unha lei estatal non hai ningún tipo de pega, ou o que é o mesmo: Política de feitos consumados, e outra vez, o Tribunal Constitucional como 'brazo armado' do poder político no poder xudicial. De feito, a Constitución si recolle a creación do Tribunal Supremo, pero en ningún momento se fala de Audiencia Nacional (xa o nome pon a pel de galiña).

Tribunal Constitucional:
Este é o encargado de interpretar a Constitución e vixiar a adecuación das leis a ela. Ben, nada que obxectar. Existen órganos parellos en estados como os EE.UU. e Alemaña (este último é a inspiración do que temos en España).
Ten un poder moi importante, posto que toda lei considerada por el como inconstitucional deixa de ter validez e é expulsada do ordenamento xurídico. Isto é o que pode pasar no caso do Estatut Catalán, onde a norma aprobada polo Parlamento Catalán, polo Parlamento Español e en Referendo polos cidadáns.
Pero se é tan importante, se del depende o funcionamento de outras institucións do Estado, os seus membros como se elixen?

O Tribunal Constitucional está integrado por doce membros, que ostentan o título de Maxistrados do Tribunal Constitucional. Son nomeados polo Rei mediante Real Decreto, a proposta das Cámaras que integran as Cortes Xerais (catro polo Congreso do Deputados e outros catro polo Senado, e por maioría de 3/5 dos votos dos membros de cada Cámara), do Goberno(dous) e do Consello Xeral do Poder Xudicial (dous).

A designación para este cárrego efectúase por un período de nove anos, debendo recaír en cidadáns españois que sexan Maxistrados ou Fiscais, Profesores de Universidade, Funcionarios públicos ou Avogados, todos eles deben ser xuristas de recoñecida competencia e con máis de quince anos de exercicio profesional. Os Magistrados renóvanse nunha terza parte cada tres anos.


É dicir, son nomeados polo poder executivo, que se sustenta nun partido dominante no Congreso e no Senado, os cales tamén nomean ó CGPJ. Pero ollo, isto só ocorre cando o partido ten moita representación (caso da lexislatura de Aznar do 2000), por iso agora hai tanto problema para renovar ós seus membros... por iso agora, maxistrados ós que se lle acabou o mandato no 2007 e que non foron renovados van decidir o destino de leis tan importantes como o Estatut ou a Lei de Caixas.

E todo isto porque uns homes, na Transición decidiron este sistema para garantizar o xurdimento de maiorías e acordos para poder renovalo, pero o que lograron foi dotar dunha gran inoperancia este órgano.

Porqué non pensaron en que estes membros foran sometidos á decisión cidadá? mediante unhas eleccións, por exemplo. Tendo en conta que os xuíces non poden estar afiliados a ningún partido non semella que poida haber inferencia dos partidos neste proceso. Tamén se podería adoptar o sistema Estadounidense onde os maxistrados son nomeados polo Presidente con visto e prace das dúas cámaras lexislativas e o seu mandato é vitalicio, pudendo renunciar eles en calquera momento. Tamén poden ser destituidos polo poder lexislativo mediante o procedemento 'impeachment'.

Xustiza Universal:

Pero quen xulga ós que xulgan? Xa di a Biblia 'non xulgues se non queres ser xulgado'. Casos coma os de Egunkaria fanme tremer de medo.

No 2003, os directivos do xornal vasco Egunkaria foron detidos e encarcerados por delitos de terrorismo, de colaboración con ETA e de non sei cantas máis cousas. Foi clausurado o xornal, fóronlle confiscados os bens... Os acusados denunciaron o uso da violencia e torturas no proceso, ó que o Ministro do Interior Ángel Acebes contestou que só os culpables de terrorismo denuncia torturas.

Todo este proceso, levado a cabo pola Audiencia Nacional, terminou a semana pasada coa absolución dos imputados, por atopalos inocentes.

O PP preocupado agora polos seus cargos imputados no Gürttel, di que se está a violar a presunción de inocencia, pero no 2003 onde estaban defendendo a presunción da inocencia desta xente? O Ministro de Interior Acebes violou a presunción de inocencia. Debería ser xulgado? Debería ser xulgado o Fiscal Xeral do Estado daquela? Debería ser xulgada a Audiencia Nacional? Debería ser xulgado o Poder Xudicial?

Debemos pagar nós os erros cometidos na Transición polos nosos pais?

4.06.2010

O Tribunal Inconstitucional:


O Estado Español é un estado democrático, onde as normas son emanadas polo parlamento, expresión da representación dos cidadáns.

Os Parlamentos Autonómicos representan a vontade dos cidadáns desa comunidade autónoma.

O período nomeado vulgarmente como Transición, caracterizouse por un gran consenso político e social.

Estes tres axiomas son aceptados por todos nós cando nolas botan polos medios de comunicación, como verdades absolutas, como mantras que fan falla repetir para que queden gravadas a lume nas nosas mentes políticas, reducindo as poucas neuronas que o noso cerebro político contén.

Verdades absolutas só existen na teoloxía, e inda así eu non poría a man no lume…

Si, as normas emanan do Parlamento, mesmo do Parlamento Autonómico, pero a vida, sobre todo a vida política, nos mostra que isto é ben relativo. Existe un órgano do estado, espurio que decide que norma vale e que norma non vale. O Tribunal Constitucional.

Este órgano é en definitiva o que decide que unha lei pode ser parte do ordenamento xurídico e cal non.

Na miña opinión, correspondería facer unha reforma das súas potestades e do seu funcionamento. E explícome:

Partindo da base de que o texto constitucional non é un texto inmutable, perenne, alfa y omega, fin en si mesmo, etc, senón que é froito dun momento puntual, que pode e debe ser modificado e adaptado ó curso dos tempos, non pode ser que un órgano do estado teime na idea de que unha lei ten que ser constitucional, aínda cando a vontade do pobo, expresado no respectivo parlamento decide que esa norma é necesaria e convinte…

Poñamos un exemplo: A Lei de Caixas da CAG. O PP e o BNG aproban no Parlamento de Galicia unha norma para regular o sistema financeiro galego e o goberno do Estado Español decide pór un recursos de inconstitucionalidade. O Presidente da Xunta enseguida saíu dicindo que se estaba menoscabando o autogoberno galego. Deixando nun lado o bo ou o malo da devandita lei, sería comprensible que unha institución que non reflicte a vontade dos cidadáns poida invalidar unha resolución dunha institución que si a representa? E dicir, nós os cidadáns temos que estar suxeitos a un sistema de fai trinta anos? E o que é máis grave, pódese recorrer a este tribunal para dirimir discusións políticas?

Outro caso, máis representativo, o Estatut de Catalunya. Norma emanada e aprobada polo Parlamento Catalán, polo Parlamento do Estado Español e aprobado en referendo popular polos propios cidadáns. Pois é posible que esta lei (non esquezamos que un Estatuto non é máis que unha lei orgánica algo particular) poida ser invalidada por un órgano non representativo, instado por un partido político, mediante a interpretación subxectiva e persoal da Constitución.

Isto, sen falar dese partido político, que defende que o Goberno Central menoscaba o autogoberno galego por recorrer unha norma saída do Parlamento Galego e non considera menoscabo o recorrer unha norma saída do Parlamento Catalán, aprobado no Parlamento Español e aprobado en referendo popular.

A solución? Pois é difícil de dicir e quizais a solución sexa inconstitucional. Tal vez a solución viría dada por unha nova constitución ou un novo modelo autonómico, similar ó federalismo alemán, no que o Parlamento Central lexisle e o Goberno Autonómico execute. Non sei. O que está claro é que estase a utilizar unha institución como o Tribunal Constitucional para facer recortes onde o Poder Constituinte non quixo pór trabas. De feito, ó meu parecer, nada ten que ver a aplicación actual que se fai da Constitución con aquel espírito co que naceu…

Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet