Pois ben, a min, gustaríame afondar nesa reflexión.
O primeiro que teño que facer e posicionarme, pois na miña intrincada mente non sei que espazo ocupa o independentismo. Non é unha idea que me repela, ó contrario, gustaríame un día levantarme e ollar pola fiestra a miña terra liberada, pero tampouco é algo que me quite o sono. Quero dicir que o meu sentido practicista (para algúns excesivo) faime creer máis nun sistema federal ou confederal (xa sei que non é o mesmo), o que sexa con tal de que sexa distinto o de agora.
De tódolos xeitos, unha opción non é incompatible coa outra, senón que poden ser dous pasos do mesmo traxecto.
En segundo lugar, teño que citar un libro, que vos recomendo encarecidamente, 'Luces de Fisterra', de Carlos Mella, onde retrata en clave de humor a primeira era Fraga e onde se da a licenza de imaxinar unha Galiza idependente. O facto é o que segue: Catalunya e Euskadi consiguen a súa independencia e é entón cando o Estado Español decide darlla tamén a Galiza (por se acaso deciden reclamala). O que sucede despois e un delirante proceso de construcción estatal digno do humor máis absurdo e brillante. O dito, moi recomendable.
Asumindo que algún día sexamos un estado independente do Estado Español, debemos aceptar sen máis e tirar cada quen polo seu lado?
Eu creo, na miña opinión persoal que so comparto comigo mesmo, que non. A élite política (para a nosa desgraza, esa mole inamobible) deberá guiar con moito tino un proceso no que paulatinamente se pacten os pasos a seguir nun proceso de independencia tanto polo futuro Estado Galego coma polo Estado Español.
Non podemos aceptar a independencia sen máis, non somos un lastre do que desfacerse cando comeza a molestar. Non.
Compre que o Estado Español reverta os beneficios que tira (e sobre todo tirou) do noso territorio en forma de mellora dos servizos, das infraestructuras e das institucións, o cal fará asumible a independencia e o sostemento do estado. O que viría sendo un proceso descolonizador en sentido estricto, e non un proceso abandonador, como o que se fixo na década dos 60-70.
Xurden novas dúbidas, como se estaría o Estado Español disposto a colaborar cun futuro Estado Galego? Aquí entran en xogo moitas variables, como o papel da Unión Europea, de Portugal, da CPLP e das Nacións Unidas.
O que é certo é que podemos, e posible e mesmo desexable, pero non a calquera prezo.
Remato agradecendo novamente o noso espectador @Costadamorte, que me permite enlazar o post anterior co que ha de seguir.
No hay comentarios:
Publicar un comentario