6.29.2009

Cabalos de batalla


Din que Deus, cando terminou de crear o mundo pousou a súa man sobre a terra, concretamente sobre Galiza, e que das marcas dos dedos xurdiron as rías...
Hai quen di tamén que Deus deixou sen acabar esta terra, en tanto que outras terras españolas quedaron chairas e de fácil acceso, Galiza dispuxo dunha orografía abrupta, dunha poboación dispersa… polo que os cidadáns tiveron que construír estradas, pontes. Parece lóxico dicir entón que, si, Deus botouse a descansar en Galiza, antes de tempo, antes de tela rematada sequera…

Sen entrar a discutir sobre compoñentes ideolóxicas da máis diversa índole, nin políticas máis ou menos intanxibles, coido que unha das políticas estrela do nacionalismo do século XXI é o transporte interior da Galiza.
O nacionalismo do século XX caracterizouse pola busca incansable da conexión de Galiza co resto do Estado Español, por unha igualdade exterior cara outras rexións e autonomías de España. Froito deste arduo desempeño son as grandes Autoestradas que nos uniron coa Meseta, ou o inicio das obras do ferrocarril de alta velocidade, que aínda se están a desenvolver.
Sen embargo, o nacionalismo do século XXI ten que superar esta fase de igualación exterior e centrarse na igualación interior. Me refiro a que nuns anos, se todo sigue o previsto, estaremos a dúas horas e media de Madrid en tren de alta velocidade, cousa que é bastante positiva. Sen embargo, chegar de Xinzo de Limia a Santiago de Compostela non deixará de ser pouco menos que unha odisea. Estaremos máis preto de saír de Galiza, pero seranos máis difícil viaxar polo seu interior.
Isto fará que perdamos consistencia interna, nos illará, non haberá intercambio. Co resto de España si, pero entre nós como pobo non, seguiremos tirando cada un polo seu lado e mentres nos vaia ben non nos preocuparemos por ver caer ó veciño. Ós vigueses non lles importará o que pasa na Mariña Lucense, como ata agora.
Por iso, o nacionalismo galego do século XXI procurará facer do transporte a súa medida estrela, non só potenciando a mellora e o investimento en infraestruturas, senón potenciando a creación e uso de redes de transporte público colectivo de calidade e barato. Crear unha auténtica rede de liñas, tanto de transporte por estrada como por raíl ou mesmo barco, que fomente a mobilidade das persoas, dos cidadáns será o feito que nos porá na vangarda dos países europeos e o que nos fará dar o salto a unha verdadeira sociedade do século XXI.
Para isto cumpre:
- Establecer liñas que comuniquen as aldeas cos centros das vilas, e estas cos centros das grandes cidades.
- Creación dunha empresa pública de transporte público, propietaria dos medios que presten servizo e encargada de esa prestación.
- Facer unha coordinación real entre os horarios dos distintos medios de transporte para fomentar a intermodalidade, os transbordos e minimizar ó máximo a perda de tempo dos viaxeiros.
- Establecer un billete único, cunha orixe e un destino, aínda que se usen varios medios de transporte ou varias liñas. Isto non sería problema, posto que ó seren prestados estes servizos pola empresa pública, o viaxeiro só deberá preocuparse da combinación que mellor se axeite.

Crear unha extensa arañeira de liñas que permitan a elección por parte dos viaxeiros é un obxectivo irrenunciable. Pensen que facer que as vilas cabeza de comarca estean a menos de tres cuartos de hora da capital de Galiza nos faría cabeza da modernidade do norte de España, senón de toda España.
E para aqueles que non cren que isto poida suceder só dicir que a liña máis rendible de RENFE se atopa en Galicia, concretamente a que cubre a distancia entre Vigo e Coruña.

6.23.2009

Lady BN-Gaga



Faltan referentes. Esa é a idea a que puiden ó longo destes días meses.
Falando cun bo amigo meu, saíume unha sentenza rotunda e reveladora. O BNG é un partido nacionalistas, si, mais o nacionalismo non só é o BNG. Nin sequera todo o nacionalismo esta politizado.
Coido, como xa teño dito aí atrás, que o BNG está nunha encrucillada: ou seguir inamovible nas súas formas, de conglomerado de partidos da década dos oitenta, ou aproveitar está bagaxe histórica e reformularse a si mesmo e avanzar cara un nacionalismo galego de século XXI. O BNG ten que ilusionar novamente, e non hai mellor forma de facelo que cunha comunicación máis aberta co cidadán, facendo partícipe a tódolos cidadáns no establecemento de obxectivos a acadar. Só así a xente poderá identificar os seus obxectivos cos obxectivos do partido, e só así cesará esta sangría de votos.
Por outro lado, tamén me parece interesante poñer riba da mesa a necesidade de acercar as actividades ó pobo, é dicir, ó modo do Partido Social Demócrata alemán, que creaba garderías para os seus afiliados, sindicatos… unha serie de servizos sociais gracias ós que medrou… Coas limitacións e salvedades que o noso caso impón, poderíanse realizar actividades, cursos, conferencias… que realmente axuden no día a día dos cidadáns e no que quede claro que o BNG se move, se preocupa e non só fai política parlamentar.
Para rematar, o outro día lin por aí a creación dunha Marcha pola lingua. Unha gran idea. Xa levo tempo a pensar en que pasaría se se organizase un “Festival pola dignidade do galego”, no que actuarían grupos de diversa índole, como os que eran apoiados dende o programa de Xurxo Souto na Radio Galega, onde se lera un manifesto pola dignidade do pobo galego, onde se reclamase o fin da política hostil da Xunta do Partido Popular. Que terían que dicir estes burócratas perante cen mil persoas reunidas nun acontecemento cultural propio, á marxe do aparato do goberno, reclamando dignidade para unha cultura, unha lingua, un pobo?
Aquí volo deixo…

6.15.2009

As escolas de Frijol...



As chamadas Galescolas eran, máis ben, a rede de escolas infantís públicas da Xunta de Galicia, dependentes da área de Benestar do gabinete, posto que se entende que fan una gran función á hora de compatibilizar a vida laboral coa familiar.


A nova Xunta de Feijoo pensa que esas galescolas teñen que estar baixo o mando de Educación, pois para eles a función primordial non é a de facilitar ós pais o libre desenrolo das súas actividades profesionais, senón que deben educar, por tanto, xa partimos dunha base de que ten que haber un currículo educativo, un programa educativo...
Entre as novidades que a Xunta Feijoista (ou Feixista, como prefirades) ten para este ámbito (recordemos que os seus usuarios son nenos de 0 a 3 anos) están a incorporación da asignatura de relixión, da incorporación de contidos en ingles, a redución de contidos galegos...
Se a relixión vai ter un papel tan destacado nestes centros, ¿que diferencia vai haber entre unha escola coránica tipo madrasa e unha escola infantil galega? ¿a relixión que se estudiara?...
O que sigo sen entender e porque non fan unha enquisa ós pais para preguntarlles os contidos dese currículo destas escolas...
No caso do inglés, non é tan descabellado a introducción de contidos en ingles, incluso e recomendable, sen embargo, o problema non está na educación preescolar, o problema está no resto da educación. Temos un sistema donde hai excesiva teoría e cero práctica. As clase de inglés danse en castelán (diría que en galego, pero é mentira), e non hai un espazo onde se poda un expresar en ingles. É dicir, as peliculas están dobradas (ó castelán), a prensa está en castelán, a radio e a televisión tamén... etc. A única forma de practicar inglés en este Reino de España e marchando a Reino Unido, EE.UU., Malta...
O que xa non me cabe na cabeza é como a xente defende que se promocione tanto o inglés, cando non se promociona a lingua propia, e mesmo se marxina... Pois convén recordar que o galego é moito mellor instrumento para aprender inglés que o castelán, posto que ten máis riqueza fonética. Ademáis, non pretendas aprender a usar unha língua estranxeira cando non sabes usar a túa...

6.11.2009

onde está o BNG??

Fai xa algún tempo que o BNG está perdendo forza no conxunto da poboación, pero, que sucede? porque pasamos dun goberno onde participan os nacionalistas, a cada vez perder máis e máis votos?
Pois ben, hai tantas teorías coma votantes ten. Cada un ten o seu motivo.
Os militantes máis de esquerda afirman que o BNG estase aburguesando, que xa non é tan combativo como o de hai 20 anos.
Os militantes máis centristas din que a organización do BNG esta "secuestrada" por un partido radical, que o único que busca é a bronca.
Que haxa varias formas de ver as cousas nun partido, ó contrario do que se pensa por ahí, non é malo. Non significa que non hai unión. Todo o contrario, significa que habendo diferencias, éstas supéranse e se manifestan con normalidade. O problema está no equilibrio de posturas. Me refiro a que se nun partido hai dúas correntes dominantes, enfrentándose tódolos días e poñéndo zancadas uns ós outros, o que se manifesta é esa falta de equilibrio.
Obviamente non se pode contentar a todos, pero se facemos unha análise máis sosegada, atopamos que o BNG foi perdendo parte desa carga ideolóxica que viña mantendo, e un dos motivos claros foi para achegarse e poder pactar con PSdeG, que o contrario do que convendría pensar, é o seu rival político dereito, posto que os dous partidos disputan os votos situados na centro-esquerda.
Tamén atopamos que o partido ven de ter a mesma estructura, o mesmo proceso de decisión (maioría absoluta da UPG) que hai 20 tantos anos. Pero o tempo pasou, e xa non estamos na mesma situación que no pasado, e manter unha corrente hexemónica dentro do partido, si, dálle consistencia interna, disciplina, mais, réstalle flexibilidade e rapidez de adaptación ós novos contornos.
Baixo o meu punto de vista, cometéronse varios erros:
- Rebaixar a carga ideolóxica para poder pactar. Os pactos de goberno, aínda que sexa para que non goberne o PP, non se deben suscribir a calquera prezo.
- Participar en gobernos de coalición. Deberíase poder facilitar, cun límite como xa dixen no apartado anterior, o acceso ós gobernos a partidos de esquerdas, máis non participando directamente neles. Non se pode ser goberno e oposición á vez. Por iso a xente ten a impresión de que hai dous gobernos en lugar dun.
- Contentarse con facer política dende o Parlamento. Esta ben facer propostas, interpelacións, expresar opinións, pero a verdadeira política está na rúa, e o partido que así o entende gaña eleccións. Tamén sería bo contar cun "pseudo-gabinete". Xa Sabemos que os grupos parlamentarios divídense as áreas e coñecemento, mais se isto ocorrese tamén fora do parlamento... Quero dicir, se cada vez que o Conselleiro de tal abrise a boca, o responsable de tal do partido (non o que está no parlamento, ese xa ten a súa función) dese a súa opinión diante dos medios e dos cidadáns, teríamos moito gañado, o cidadán vería que o partido se move, e aínda que non goberne, estará listo para cando o teña que facer.
Esta é a miña humilde opinión para quen a queira coller.

6.07.2009

Unión Europea, ea ea ea!

Hoxe celébrase na meirande parte do que chamamos Unión Europea (UE) as eleccións ó Parlamento.

Composto por máis de 700 eurodiputados, divididos por países, a España correspóndenlle 50 deses deputados. Este reparto se fai nos tratados de adhesión así como os posteriores tratados constituíntes (o último en vigor, o de Niza de 2000).
Pois ben, eu voume abster de votar (se estivera en Cangas votaría blanco) por unha serie de razóns:
  • Esta Eurocámara, non sirve para nada. Foi creada na década dos 50 como mero órgano asesor-consultivo. Se ben é certo que últimamento foi cobrando máis e máis protagonismo, dista moito de ser un verdadeiro órgano representativo e lexislativo das comunidades europeas. Non ten capacidade de iniciativa lexislativa, é dicir, non pode propor crear directivas ou reglamentos. Esta é competencia en exclusiva da Comisión Europea.
  • As decisións da Unión se toman por un complexo método de co-decisión, é dicir, para que unha decisión saia adiante ten que ter a aprobación do Consello de Europa (órgano de representación dos goberno) e a do Parlamento (órgano de representación dos cidadáns). Se ben, que pasa cando non hai acordo? Pois priman as posturas do Consello.
  • Aproba o presuposto da UE, pero non o elabora, posto que é feito pola Comisión (digamos, algo asi como o órgano de goberno da UE, elixido polos distintos gobernos nacionais), polo tanto aquí tamén ten un poder bastante reducido. Os fondos destinados ás distintas políticas non os reparte a Unión alí no destino, como debera ser, senón que llos da ó goberno do país en cuestión e este os administra. Isto fai que o control sobre eses cartos sexa ínfimo, desviandose moreas de euros cara proxectos pouco claros e que de ser controlados directamente pola UE seguro que non terían apoio económico. Mentres, nós seguimos sen ter tren de alta velocidade.
  • As materias nas que pode tomar decisións o Parlamento son moi poucas, séndolle vetadas as da politica exterior e seguridade común así como as de xustiza.

Todo isto, e moito máis faime pensar que a UE non é máis que un organismo ó servicio dos gobernos nacionais, cunha maquillase democrática cada 5 anos, sen poder efectivo, o que fai que as tomas de decisións sexan moi ríxidas, paralizando e poñendo en crise constantemente a construcción europea que tanto enarbolan algúns.

Por iso:

  • Fin dos turnos rotatorios da presidencia europea.
  • Un parlamento que poida lexislar (o mesmo que un parlamento nacional) sobre as competencias atribuidas a UE.
  • Unha comisión elixida por e de entre os membros do Parlamento.
  • Unha administración presupostaria forte, nada de dar cartos os gobernos para que despois fagan o que queiran.

ABSTENCIÓN! NON PARTICIPES NO SEU TEATRO DE TÍTERES!

Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet