Onte, día 22 de marzo, o sr. Benigno López, nomeado polo Parlamento de Galicia Valedor do Pobo, presentou no mesmo para presentar o seu informe do 2009. Na súa comparecencia, acusou ós membros do BNG (tamén ós votantes, posto que eses son os nosos representantes) de 'pór pistolas no peito para que a xente fale galego'. BRAVO!!! [CLAP, CLAP, CLAP].
Como criticar é libre, e internet é un medio estupendo para facelo, decidín poñer unha queixa do Valedor no Valedor, a ver se vale ou non vale:
No día 22 de marzo de 2010, D. Benigno López, Valedor do Pobo, comparecía no Parlamento de Galicia e afirmaba (con respecto ó BNG) diante das tres forzas políticas con representación no mesmo que 'non poden ir cunha pistola no peito a cada cidadán para que fale galego'.Quero recordarlle ó Sr. López que o artigo 5.3 do Estatuto de Autonomía de Galicia de 1981 (en vigor, e sen ningunha cuestión de inconstitucionalidade) propón: 'Os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e POTENCIARÁN a utilización do GALEGO en tódolas ordes da vida pública, cultural e informativa, e disporán dos medios necesarios para facilitar o seu coñecemento.' Supoño que con pistolas no peito non se pode 'obligar' a que se fale galego, pero co Estatuto na man si.
Por outra banda, quero lembrarlle que a liberdade lingüística á que fixo referencia na súa intervención só se pode exercer coñecendo os dous idiomas (o galego e o castelán) e que esa liberdade lingüística non se refire a un suposto dereito de ser ensinado nunha ou noutra língua. Como poderíamos escoller entre usar o galego e o castelán se non temos o coñecemento dunha delas?
No seu discurso botei en falta unha alusión ó proxecto de decreto que regula o uso do galego no ensino non universitario, no cal, non se recolle o mandato estatutario (e por ende toda a normativa a este respecto aprobada dende a décado dos 80) nin da xurisprudencia existente no tocante a elección por parte dos pais do idioma, nin se recolle a intencionalidade de que os cativos aprendan as dúas línguas para, agora si, no uso da súa libertade decantarse por unha ou outra língua.
Xa para rematar, emprazar ó Sr. López a que pondere moito máis as súas declaracións (como corresponde a unha institución independente) e que non se deixe levar por preconceitos que tanto dano fan á institución que representa, e se no caso de non poder conseguilo, deixar o seu posto, posto que se trata dunha violación do mandato estatutario que lle foi asignado.
Ti podes mandarlle a túa queixa: http://www.valedordopobo.com/index.php?s=64
3.23.2010
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
Parabems, mais o senhor Lópes, tem coma nome "Maligno" e não "Benigno"... foi un erro no baptiço
ResponderEliminar