4.06.2010

O Tribunal Inconstitucional:


O Estado Español é un estado democrático, onde as normas son emanadas polo parlamento, expresión da representación dos cidadáns.

Os Parlamentos Autonómicos representan a vontade dos cidadáns desa comunidade autónoma.

O período nomeado vulgarmente como Transición, caracterizouse por un gran consenso político e social.

Estes tres axiomas son aceptados por todos nós cando nolas botan polos medios de comunicación, como verdades absolutas, como mantras que fan falla repetir para que queden gravadas a lume nas nosas mentes políticas, reducindo as poucas neuronas que o noso cerebro político contén.

Verdades absolutas só existen na teoloxía, e inda así eu non poría a man no lume…

Si, as normas emanan do Parlamento, mesmo do Parlamento Autonómico, pero a vida, sobre todo a vida política, nos mostra que isto é ben relativo. Existe un órgano do estado, espurio que decide que norma vale e que norma non vale. O Tribunal Constitucional.

Este órgano é en definitiva o que decide que unha lei pode ser parte do ordenamento xurídico e cal non.

Na miña opinión, correspondería facer unha reforma das súas potestades e do seu funcionamento. E explícome:

Partindo da base de que o texto constitucional non é un texto inmutable, perenne, alfa y omega, fin en si mesmo, etc, senón que é froito dun momento puntual, que pode e debe ser modificado e adaptado ó curso dos tempos, non pode ser que un órgano do estado teime na idea de que unha lei ten que ser constitucional, aínda cando a vontade do pobo, expresado no respectivo parlamento decide que esa norma é necesaria e convinte…

Poñamos un exemplo: A Lei de Caixas da CAG. O PP e o BNG aproban no Parlamento de Galicia unha norma para regular o sistema financeiro galego e o goberno do Estado Español decide pór un recursos de inconstitucionalidade. O Presidente da Xunta enseguida saíu dicindo que se estaba menoscabando o autogoberno galego. Deixando nun lado o bo ou o malo da devandita lei, sería comprensible que unha institución que non reflicte a vontade dos cidadáns poida invalidar unha resolución dunha institución que si a representa? E dicir, nós os cidadáns temos que estar suxeitos a un sistema de fai trinta anos? E o que é máis grave, pódese recorrer a este tribunal para dirimir discusións políticas?

Outro caso, máis representativo, o Estatut de Catalunya. Norma emanada e aprobada polo Parlamento Catalán, polo Parlamento do Estado Español e aprobado en referendo popular polos propios cidadáns. Pois é posible que esta lei (non esquezamos que un Estatuto non é máis que unha lei orgánica algo particular) poida ser invalidada por un órgano non representativo, instado por un partido político, mediante a interpretación subxectiva e persoal da Constitución.

Isto, sen falar dese partido político, que defende que o Goberno Central menoscaba o autogoberno galego por recorrer unha norma saída do Parlamento Galego e non considera menoscabo o recorrer unha norma saída do Parlamento Catalán, aprobado no Parlamento Español e aprobado en referendo popular.

A solución? Pois é difícil de dicir e quizais a solución sexa inconstitucional. Tal vez a solución viría dada por unha nova constitución ou un novo modelo autonómico, similar ó federalismo alemán, no que o Parlamento Central lexisle e o Goberno Autonómico execute. Non sei. O que está claro é que estase a utilizar unha institución como o Tribunal Constitucional para facer recortes onde o Poder Constituinte non quixo pór trabas. De feito, ó meu parecer, nada ten que ver a aplicación actual que se fai da Constitución con aquel espírito co que naceu…

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet