4.17.2010

O Tribunal Inconstitucional: Segunda Parte



Que vivimos nun país (ollo, digo país como sinónimo de estado, non como sinónimo de nación) peculiar a ninguén se lle escapa do sentido. Mais, coido que esta peculiaridade non trae iso de que 'a diferencia enriquece', neste caso, no que nos ocupa, máis ben empobrece, entorpece e acurta.
Centrándonos no Poder Xudicial de España, atopámonos con 'anomalías' que fan que a xente teña a consideración que ten da xustiza, unha das institucións con maior desprestixio de todas, xunto cos partidos políticos.
Profundizando un pouquiño, un dase conta de que todo foi unha chapuza feita e dixerida durante a Transición (ese perido onde todo foi maravilloso, a xente saudábase pola rúa e chovía leite e mel), onde pasaron cousas moi raras...

Audiencia Nacional:
En 1977, mediante Real Decreto sustituíuse o Tribunal de Orden Público da época tardofranquista pola Audiencia Nacional. VAITES!!! Resulta que unha norma pre-constitucional recicla un tribunal pre-constitucional encargado de xulgar delitos políticos (como militar nun partido político alleo ó Movimiento) e o converte nun tribunal que se encarga de xulgar delitos de 'terrorismo' ou en avaliar que partidos son legais e cales non... e a Constitución, mediante a interpretación do Tribunal Constitucional non fai máis que asentar a súa legalidade argumentando na súa sentenza que como xa estaba creado e regulado por unha lei estatal non hai ningún tipo de pega, ou o que é o mesmo: Política de feitos consumados, e outra vez, o Tribunal Constitucional como 'brazo armado' do poder político no poder xudicial. De feito, a Constitución si recolle a creación do Tribunal Supremo, pero en ningún momento se fala de Audiencia Nacional (xa o nome pon a pel de galiña).

Tribunal Constitucional:
Este é o encargado de interpretar a Constitución e vixiar a adecuación das leis a ela. Ben, nada que obxectar. Existen órganos parellos en estados como os EE.UU. e Alemaña (este último é a inspiración do que temos en España).
Ten un poder moi importante, posto que toda lei considerada por el como inconstitucional deixa de ter validez e é expulsada do ordenamento xurídico. Isto é o que pode pasar no caso do Estatut Catalán, onde a norma aprobada polo Parlamento Catalán, polo Parlamento Español e en Referendo polos cidadáns.
Pero se é tan importante, se del depende o funcionamento de outras institucións do Estado, os seus membros como se elixen?

O Tribunal Constitucional está integrado por doce membros, que ostentan o título de Maxistrados do Tribunal Constitucional. Son nomeados polo Rei mediante Real Decreto, a proposta das Cámaras que integran as Cortes Xerais (catro polo Congreso do Deputados e outros catro polo Senado, e por maioría de 3/5 dos votos dos membros de cada Cámara), do Goberno(dous) e do Consello Xeral do Poder Xudicial (dous).

A designación para este cárrego efectúase por un período de nove anos, debendo recaír en cidadáns españois que sexan Maxistrados ou Fiscais, Profesores de Universidade, Funcionarios públicos ou Avogados, todos eles deben ser xuristas de recoñecida competencia e con máis de quince anos de exercicio profesional. Os Magistrados renóvanse nunha terza parte cada tres anos.


É dicir, son nomeados polo poder executivo, que se sustenta nun partido dominante no Congreso e no Senado, os cales tamén nomean ó CGPJ. Pero ollo, isto só ocorre cando o partido ten moita representación (caso da lexislatura de Aznar do 2000), por iso agora hai tanto problema para renovar ós seus membros... por iso agora, maxistrados ós que se lle acabou o mandato no 2007 e que non foron renovados van decidir o destino de leis tan importantes como o Estatut ou a Lei de Caixas.

E todo isto porque uns homes, na Transición decidiron este sistema para garantizar o xurdimento de maiorías e acordos para poder renovalo, pero o que lograron foi dotar dunha gran inoperancia este órgano.

Porqué non pensaron en que estes membros foran sometidos á decisión cidadá? mediante unhas eleccións, por exemplo. Tendo en conta que os xuíces non poden estar afiliados a ningún partido non semella que poida haber inferencia dos partidos neste proceso. Tamén se podería adoptar o sistema Estadounidense onde os maxistrados son nomeados polo Presidente con visto e prace das dúas cámaras lexislativas e o seu mandato é vitalicio, pudendo renunciar eles en calquera momento. Tamén poden ser destituidos polo poder lexislativo mediante o procedemento 'impeachment'.

Xustiza Universal:

Pero quen xulga ós que xulgan? Xa di a Biblia 'non xulgues se non queres ser xulgado'. Casos coma os de Egunkaria fanme tremer de medo.

No 2003, os directivos do xornal vasco Egunkaria foron detidos e encarcerados por delitos de terrorismo, de colaboración con ETA e de non sei cantas máis cousas. Foi clausurado o xornal, fóronlle confiscados os bens... Os acusados denunciaron o uso da violencia e torturas no proceso, ó que o Ministro do Interior Ángel Acebes contestou que só os culpables de terrorismo denuncia torturas.

Todo este proceso, levado a cabo pola Audiencia Nacional, terminou a semana pasada coa absolución dos imputados, por atopalos inocentes.

O PP preocupado agora polos seus cargos imputados no Gürttel, di que se está a violar a presunción de inocencia, pero no 2003 onde estaban defendendo a presunción da inocencia desta xente? O Ministro de Interior Acebes violou a presunción de inocencia. Debería ser xulgado? Debería ser xulgado o Fiscal Xeral do Estado daquela? Debería ser xulgada a Audiencia Nacional? Debería ser xulgado o Poder Xudicial?

Debemos pagar nós os erros cometidos na Transición polos nosos pais?

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet